POLÍTICA PARA POBRES.
As termas públicas do
Baño atópanse na comarca da Baixa Limia. Inda que unha boa parte do
ano están asolagadas por as augas da presa das Conchas os adictos as
augas termais -entre os que me conto- temos os contactos para
comunicarnos cando baixan as augas do encoro e van deixando
descubertas as pozas. Velaí que dous días despois de ficar
descubertas xa se encontren concorridas por xentes que veñen de
todas partes, aínda que maioritariamente de Portugal.
As termas vista desde o campamento romano de Aquis Querquennis.
Cada poza ten os seus
siereiros. Particularmente tomo o baño na poza grande (inda que non
é a maior, denominámola así porque é a máis fonda e ten a auga
máis quente). É de todas a que ten máis fieis, e por así dicilo a
poza dos veteranos. Alí sentados, relaxados a xente fala de todo:
das colleitas, da caza, dos cogomelos, do fútbol, do gando, da
pesca, da vendima, dos froiteiras, da poda, das pragas, da cociña e
da culinaria, dos nudistas e do nudismo (sempre hai algún nudista e tamén xente que non ve con bos ollos esta práctica e da para sacar o
tema), da igrexa, de política e dos portugueses e dos españois, en
fin, da vida. A lingua vehicular é un portugalego no que
todos nos entendemos.
Hai uns dous meses
falábase do novo goberno portugués.
Un xubilado de Leixoes rachaba
a boca chea contra o Presidente da República por que lle encargara
facer goberno ós “comunistas” (así denominaba ós partidos de
esquerda). O opción máis votada nas eleccións de setembro fora
unha coalición de todos os partidos da dereita que ficou por debaixo
do 40% no escrutinio. O presidente encargoulle formar goberno, pero
so durou un mes pois ó carecer de maioría todas as propostas que
presentou no parlamento foron rexeitadas pola oposición que contaba
co 60% dos deputados.
Na conversa en principio
participaban dúas ou tres persoas, pero e habitual que os demais
entren coa cerimonia de “se me permiten” polo que pronto
engordou o número de conversadores. A maioría sostiña que quen
gaña, gaña e era a quen lle correspondía gobernar.
Un doutor de
Braga era o único que xustificaba que puidese e incluso debería
gobernar o partido que contase con máis apoios no parlamento, pois
no caso contrario non se podían aprobar as leis, nin os orzamentos o
que imposibilitaba a gobernabilidade.
Algúns que o coñecían
calaron -un doutor é un doutor-, calaron pero non outorgaron. Era
evidente que seguían sen comprender que en esa liga non lle desen a
taça o campión.
Entón dirixinme o
reformado de Leixoes, que insensible a autoridade do doutor
seguía rachando e prognosticando un negro futuro para Portugal.
-Se me permite, señor, voulle a dar un exemplo. Pero antes dígame, voçé é reformado?
-Si, sou reformado.
-Vamos a supoñer que se
presentan as eleccións 4 partidos. Un di de baixarlle a paga ós
xubilados os outros tres din de subirlle a paga. Agora vamos supoñer
que o primeiro gaña, pero con menos de un 40% dos votos. E dicir que
de cada 100 votantes máis de 60 están de acordo con que se suban as
pensións. Parécelle xusto que goberne o partido que lle vai baixar
a “reforma”?.
-Não. Mais iso non
vai acontecer. Pois os outros tres van votar na contra.
-Velaí,
se un partido non pode aprobar as leis que prometeu no seu programa
non pode gobernar. Polo tanto teñen que gobernar os outros.
-Teño
sesenta e sete anos e non tiña caído na conta. Hei recoñecer que
foi unha lección de política para pobres.
Quedeime
coa letra “política para pobres”.