viernes, 19 de octubre de 2012

GALICIA O PAIS DAS MARABILLAS


O meigo sacou da boina (ou foi do birrete?) un coello branco. O coello correu cara o televisor, saltou e penetrou na pantalla da TVG. Galicia, curiosa seguiu ó coello e en canto se acercou ó aparato unha forza absorbente, magnética, chupouna para dentro. Foi coma un refacho en remuiño, que lle centrifugaba as ideas convertendo a materia gris en materia rosa.

Entón a Galicia comezaron a acontecerlle cousas prodixiosas.

Os douscentos mil traballadores que perderon o emprego nos tempos do feiticeiro, teñen a bendita sorte de poder dedicarlle máis tempo ós seus. Tamén teñen a oportunidade de explorar outros países na procura de traballo.

Os universitarios saen a ofrecer os seus coñecementos polo mundo adiante. Non coma antes que os galegos tiñan que emigrar. Agora exportan coñecementos.

Os labregos, agora non son labregos, son empresarios leiteiros que poden permitirse vender o leite mellor e máis barato de Europa a 28 céntimos o litro.
Os pataqueiros do Limia, co valor de un saco de patacas poden comprar un pack de yogurt.

Os mariñeiros xa non teñen que facer tantos días de mar indo pescar as lonxevas augas da Mauritania, agora poden pescar ó abrigo do peirao.
As mariscadoras, e mariscadores, con un quilogramo de ameixas, poden permitirse tomar un cubata.

Os bateeiros, con un saco de mexillóns poden comprar o xornal a crédito, pois como son un colectivo que non sabe administrarse teñen un sistema de cobro especial, cobran cando cobran se cobran.

Nos estaleiros fanse barcoteis de papel contrato secreto, para que os empregados de Navantia poidan durmir na salas do concello de Ferrol.

As aulas acollen moitos máis alumnos para fomentar a solidaridade entre eles. De maiores poderán presumir de ter moitos compañeiros de aulas que chegaron a ser novos exploradores na China.

Os médicos poderán sentirse satisfeitos de poder dedicarlle dous minutos a cada paciente. De esa maneira non terán tempo de contaxiarse.

As listas de espera dos hospitais redúcense e os pacientes tamén. Coma no conto de Alicia.

Porque, señores, Galicia é un país ó que lle suceden todas estas prodixiosas cousas desde que foi aducida pola pantalla da TVG.

No conto de Lewis Carroll, Alicia despertaba ó caerlle unha folla de unha árbore na cara.
Como estamos no outono e as follas caen de seu natural, espero que o día 21 de outubro, caian moitas follas sobre Galicia que a devolvan a realidade.

No hay comentarios: