martes, 12 de abril de 2011

XENERACIÓN PERDIDA (Na memoria de Pacheco)


Foise. Pero xa non estaba.
Foise de un xeito tráxico, purificado polas chamas. Pero xa non estaba.

Cando aínda estaba era un mozo calado, pero agradable no trato, ben falado, con un toque de timidez, pero que non chegaba a ser introvertido. Diría que era prudente nas súas manifestacións.

Van alá máis de vinte anos que José Francisco era e tamén estaba.
De un tempo a esta parte foise indo dos veciños, dos amigos, da familia. Meteuse dentro de si coma un caracol na súa cuncha. No dicir da xerga dos seus colegas ”estaba pa alá”.
Andaba coa ollada perdida no ningures.
As varandas da ponte da Arousa contaban os seus paseos cotiás.

Fóisenos. Pero xa non estaba.
Fóronse indo todos, marcados por un final lúgubre.
Da foto do equipo de futbito so quedan tres.
Tamén teño na memoria outros que se foron e non están na foto. Eran de Vilanova.
♠ ♠ ♠
Pero tamén se foro de O Grove, de Cambados, da Arousa, de Vilagarcía, de Vilaxoán, coma P.
P. vivía cos avós, seus pais emigraran a Alemaña.
Unha tarde chegaron a Alcaldía do Concello de Vilanova dous vellos, a beira dos setenta anos, eran os avós de P. (O Concello dispoñía do primeiro e único centro público de rehabilitación e de axuda ós drogodependentes: ADRO).

O vello tomou a palabra e púxome en situación:
-...Ó primeiro tirábanos o diñeiro da carteira, despois, cando demos por agachalo perece que o cheiraba e sempre daba co sitio. Logo empezaron a desaparecer as cousas, a radio, o tocadiscos que lle regalaron os pais, os reloxos, a televisión...Cando xa non quedaba nada que levar, pasou a esixirnos cartos. ¡Poñíase feito un tolo! Non tiñamos máis remedio que darllo.¡Chegou a poñernos as mans encima!...
A vella asentía pero quixo defender o neto:
-Agarrounos e abaneounos pero non nos golpeou.
  • Onte - proseguiu o vello-, chegou feito unha furia esixíndolle a avoa 5.000.-pesetas, como
  • se negou, pois andamos sen diñeiro, colleu unha tixola con aceite e púxoa o lume, cando estaba a ferver agarrou a vella polo peito, obrigouna a sentar nunha cadeira e ameazouna con envorcarlle o aceite na cabeza. Eu acudín os gritos...Non puido conter a emoción parou o relato e fixo que limpaba os mocos, xesto que aproveitou para enxugar unhas bágoas que levaban tempo brillando nos ollos e puxando por caer.
  • Tiña agarrada con unha man polos cabelos e coa outra sostiña a tixola. “Ou me das os cartos ou envórcolle o aceito pola cabeza a túa muller”.
  • ¡Non te atreverás!
    A muller beixou unha media que tapaba unhas vendas que cubrían as bochas producidas polo aceite derramado.
  • Tiven que pedir os mil pesos que eu non os tiña.
♠ ♠ ♠
A epidemia tamén chegou a outra banda da ría, o Barbanza, e os pobos do interior do Salnés. A Ribadumia,a Caldas, a Moraña. De Moraña era E.
Tiña trinta  e poucos anos, unha vida montada, era policía nacional e tiña unha moza bonita e con formación. E. foi separado do “corpo de seguridade do estado”. Levaba case dous anos en rehabilitación. Cando me confesou o que segue foi un mes antes de volver a ingresar no “corpo”:
-Estou seguro, levo máis de un ano limpo, sen meterme nada. Pero hei de recoñecer, que todas as noites o último pensamento antes de durmir non é para M. (a súa moza), que é para “ela”
-¿Para a heroína?
Asentiu
Un ano máis tarde volvera a caer no “cabalo”

Fóronsenos moitos, os máis arriscados, enrolados nunha rede de ignorancia e de prexuízos, que pescou en todos os portos da ría. 
Non so en Vilanova.