jueves, 21 de enero de 2010

CHOVE NA CASA DO PROBE



Non debe sorprender a ninguén que as catástrofes naturais se ceben nos países máis probes. Como di o proverbio, sempre chove na casa do probe.

A providencia divina, conforme ós feitos (que non os ditos) do seu portavoz universal, a Igrexa, xa hai moito tempo que virou o casaco e protexe en exclusiva os intereses dos máis ricos, para que siga habendo probes polos que pedir, para facer caridade cristiá.

A peste negra que asolou Europa no século XIV foi cualificada pola igrexa de aquela época como un xusto castigo divino. En aquela sociedade profundamente relixiosa, moitos ollaron para o ceo, pedindo perdón polos seus pobres pecados e moitos maldicindo a un deus tan rigoroso e inxusto. O certo é que esta desgracia produciría na sociedade e na propia igrexa un sentimento de rexeito e desafección, que será unha das causas que propicie as sucesivas divisións no seo da Igrexa (Cisma de Occidente -S.XIV e XV- e seguidamente a Reforma Protestante) e na sociedade coa chegada do Humanismo e a caída de Constantinopla. Foi o fin do réxime feudal.

No ano 1.755 un maremoto asolou Lisboa, morreron ducias de miles de persoas. A Igrexa dixo que era o merecido castigo polos pecados da humanidade. Este feito de gran suceso en Europa,vai repercutir no pensamento, cuestionando os dogmas, a bondade e a xustiza divinas...Este acontecemento e a independencia dos EE.UU.precipitan a chegada do racionalismo, da enciclopedia, da Revolución Francesa e da democracia. Foi o fin do Ancien Régime.

Cando escoitei a entrevista que Gemma Nierga lle facía ó novo bispo de Donostia, monseñor Munilla, sorprendinme da súa soltura e presencia diante do micrófono. Mesmo semellaba un profesional (logo supen que o era). Seguín a entrevista con máis curiosidade que interese polo que se dicían. Cando a periodista lle pediu opinión sobre a catástrofe de Haití e contestou que peor que o terremoto e os seus miles de mortos e mancados, era a "pobreza espiritual que padecemos", considerei que era unha resposta lóxica para unha xente que só pensa coa clave da bóveda do Vaticano.

Se cadra, monseñor, quixo dicir, que a culpa das desgracias dos haitianos era da pobreza espiritual que padecemos aquí.
Espero que esta non sexa a postura oficial da igrexa católica, pois debido a miña pobreza espiritual e a estar enrolado nas súas filas (sen meu permiso), levaría sobre min a culpa de tantas desgracias.

¡Que tranquilo viviría deus, sen tantos avogados silveireiros!

A Igrexa debería ter presente que unha destas catástrofes naturais significou o fin dos dinosaurios.

As veces dubido se terán desaparecido todos.