viernes, 19 de septiembre de 2008

AS GUERRAS DO MEXILLÓN (2)

Unha parte do traballo títulado as "guerras do mexilón", por problemas técnicos que van máis alá dos meus coñecementos de informática non apareceu publicado no blog.

Velaí, pois, que abra este segundo capítulo onde se pretende recapacitar sobre solucións posibles cara a reducción dos custos.

É ben sabido que moitos pequenos productores están empeñados ata as orellas, pola adquisición de unha concesión a precios estratosféricos (uns 500.000€ de media por fondeadeiro), con data de caducidade. Facer frente a estas hipotecas non axuda ó fin que perseguimos, mais pódese tratar con axudas administrativas ou sen elas de conseguir aprazamentos ou moratorias.
Tamén é vox populi, que hai productores, que non lles interesa ningún tipo de control, por que as bateas son unha tapadeira para xustificar ingresos procedentes de outras actividades. Isto provoca desencontros.

Todos os propietarios de bateas dispoñen de un gran barco moi ben equipado, que en todo ou en gran parte foron financiados con fondos chagados da U.E. Tendo en conta que a maior parte dos productores dispoñen de unha batea ou dúas, entendo que o investimento non se corresponde coas necesidades, e anque o barco lles saíse de balde, o consumo e o mantemento non axudan ó pretendido abaratemento.


¿Que pensaríamos se cada viticultor membro de unha agrupación ou cooperativa, dispuxese de un gran camión para ir cinco ou dez días ó ano a viña para recoller a vendima o outros quince ou vinte para realizar as tarefas de mantemento?



¿Un despilfarro?. Sí. Mais no caso dos bateeiros e maior pois os camións poderíanse usar noutro tipo de transporte. Máis este non é o caso dos barcos, que están preparados únicamente para para o transporte e recolección do mexillón.



Co fin de empezar a reestructurar o sector:

Sería ben que as Agrupacións fixesen estudos para saber cantas bateas poden ser atendidas por un barco.

Sería ben que se centralizaran as descargas de cada ría nun único porto técnicamente equipado con todos os medios necesarios para a limpeza, depuración e conxelación.

Sería ven que unha barcaza ou gabarra "nodriza"de grande capacidade, recollese a produccón de cada unha das bateas e a levase a porto.

Sería ben que os productores controlasen depuración e comercialización para chegar o mercado con precios máis competitivos.

Sería ben que todos fixesen aportacións sensatas para que o cultivo do mexilón sexa rentable para os productores e o mesmo tempo competitivo en calidade e precio no mercado.

Sería ben que tomadas as medidas axeitadas se comenzara de inmediato a reestructurar o sector.

É un reto que hai que superar polo ben do sector, en particular e da economía das rías, en xeral.
Hoxe aínda podemos estar a tempo. Mañán pode ser tarde.

miércoles, 17 de septiembre de 2008

AS GUERRAS DO MEXILLÓN

A batalla de onte en Vilanova de Arousa entre productores de mexillón (bateeiros) é unha máis que o sector ven librando dentro de unha guerra civil que os envolve entre eles mesmos ou os sectores de distribución, depuración e conserva.
Son moitos os factores tanto externos como internos que lle deron asas a estes enfrontamentos.

Dende fóra tanto distribuidores, como depuradores ou conserveiros cometeron abusos que fixeron que os bateiros tomasen conciencia de clase e loitaran conxuntamente por defenderen os seus lexítimos intereses.
As distintas administracións autonómicas predicaban a unidade e sementaban a discordia facendo que onde antes había unha agrupación, xurdiran catro, facendo bó o dito de "divide e vencerás". De esta maneira asegurábanse ter de man sempre ós da súa corda política diante de calqueira reivindicación do sector non asumible pola administración.

Dentro do propio sector tamén abondaban as divisións: pequenos productores con unha ou parte de unha batea, grandes productores con máis de media ducia, problemas pola ubicación dos fondeadeiros, cando a reorganización dos polígonos, vendas por fóra das propias agrupacións, etc.
Todos estes problemas que apunto son pecata minuta. O verdadeiro problema xa o apuntaba neste mesmo blog nunha páxina titulada "os riscos do monocultivo"(Febreiro -08) no que divagando sobre o sector dicía que este adoecía de persoal formado capaz de racionalizar o presente e poñerlle cara os retos do futuro.

Había sobrados indicios de que podíamos ter competidores alleos que nos aparcaran nos mercados estranxeiros e chegasen a morder tallada no mercado nacional. Todo o sector era coñecedor dos investimentos que productores das rías estaban a facer en outros países, moi en especial en Chile.

Esta concurrencia nos mercados tiña que chegar, tendo en conta que a producción se incrementaba exponencialmente e os custos eran inferiores.
O certo é que non se fixo nada por abaratar precios na producción.
Da maneira que está hoxe organizado o sector semella imposible reducir gastos na produción. Mais esto non é certo. O problema ven dado por uns hábitos adquiridos de dificil corrección que posiblemente precisen de terapias agresivas.

martes, 9 de septiembre de 2008

¿NEPOTISMO NO CONCELLO DE A ILLA DE AROUSA?



A muller do César non só ha de ser honrada, tamén ten que parecelo. Este dito que ten uns dous mil anos non por vello está oxidado. Hai frases que, coma os metais nobres, o paso do tempo púleas e relucen máis.


A min non me cabe dúbida que os membros do equipo que goberna no concello de a Illa de Arousa, son xente honrada e traballadora. Digo con absoluta sinceridade, porque os coñezo de tempo e por algúns deles poñería a man no lume.

Non todos os veciños da Arousa teñen a mesma percepción.

Hai xente que pregoa (quero pensar que inxustamente) que non se usa a mesma peneira para todos: uns penéiranse co cribo de malla grosa e outros coa peneiriña do óleo da fariña. Todos son peneirados, anque non é o mesmo pasar por un buraco de un centímetro, que polo de un milímetro.

Nunca chove a gusto de todos. Cando se toman decisións, por moito coidado que se teña e por moi necesarias que poidan ser ou parecer as medidas adoitadas, sempre a de haber a quen a chuvia lle colla a roupa fóra. É inevitable.

Cando se dan casos nos que as decisións parecen favorecer a varios membros das mesmas familias e, se ademáis esas familias, son militantes socialistas ou amigos estas decisións han de ser moi craras e xustificadas. E dicir, débese actuar con obsoluta transparencia.

Na rúa fálase: hai comentarios de discriminación con nomes, con títulos, sen títulos, con cargos, sen cargos, con amigos, sen amigos...

Os propios militantes socialistas non teñen respostas convincentes coas que defenderen determinados feitos administrativos. É preciso que se saiban, pois non hai peor xestión que
a que fire as persoas por sentirense menospreciados.

Xa ten chovido moito dende que corre o dito popular de que un crego é aquela persoa a quen todos lle chaman padre menos os fillos que lle chaman tío. Este feito non era exclusivo de Galicia; era de toda a cristiandade.

Estes sobriños recibían prevendas e privilexios que se lles negaban ós demáis.

Os italianos coñecedores das debilidades da curia romana e facendo uso da súa recoñecida imaxinación buscaron unha palabra para denominar estes abusos de poder. A palabra que se impuxo, non podía ser máis expresiva: nepotismo.
(Nepotismo ven do italiano nepote, que equivale en galego a sobriño).

Actualmente a palabra traspasou os Alpes e convirtiuse en multinacional en alza, que cotiza nas bolsas de políticos sen escrúpulos.

Os veciños da Illa de Arousa non comprenden certas decisións. Os militantes socialistas non teñen argumentos para revatir rumores que veñen intoxicados. Hai que darllos.

A acusación que máis lle doe a un político que traballa (ou traballou) honradamente pola defensa dos seus ideais é a frase despectiva de que "todos os políticos son iguais".
¡Non é certo!
E sería ben que na linguaxe políticamente correcta non figurase esta ofensiva expresión.


E nunca esquezamos que:

A muller do César non só ha de ser honrada, tamén ten que parecelo.

lunes, 12 de mayo de 2008

REVISTA DORNA - ASOCIACIÓN CULTURAL DORNA


No número de Maio 08 da Revista Dorna, editada periódicamente pola Asociación Cultural Dorna, aparece unha entrada do seu Presidente, Uxío Allo, facendo un balance dos trinta anos de vida de este colectivo que tanta repercusión acadou no desenvolvemento cultural e deportivo da Illa de Arousa.

Personalmente éme un pouco sofocante escribir sobre esta Asociación, xa que eu puxen o gran que logo xermolaría, e máis aínda si se trata de precisar sobre o escrito do Presidente, que está a facer unha maravillosa xestión e que considero que iso é o verdadeiramente importante.

Con todo os meus respectos para o traballo do Presidene e de todos os colaboradores dos que se soubo rodear, quería dicir, que si ben é certo que a asociación cultural Dorna, oficialmente cumpriu trinta anos no 2008, pois os estatutos datan do 1978, a asociación como tal xa existía desde a semana santa de 2007, e si nos dilatamos máis no tempo poderíamos dicir que a Asociación cultural Dorna naceu no ano 1973, cando se fundou por unha xeración de rapaces, recén saídos da Primaria, que entonces andaban nos quince anos, o Club Scorpio 73, pois, foron estes mozos e os poucos estudantes universitarios que entonces eran os que se encargaron de facer a reconversión da que xurdiría a Asociación Cultural Dorna. Foi como un proceso natural, un paso da adolescenia a maduración.
A marxe do dito quero sumarme os merecidos parabéns para unha asociación que soubo saír adiante alonxada dos socorridos populismos da maioria de estas asociacións, apostando polas nosa raíces culturais, etnolóxicas e deportivas.
A Asociación Cultural Dorna edita unha revista periódica con contidos culturais e de opinión, e con un maravilloso deseño, que podedes ver na páxina www.acddorna.0rg

lunes, 5 de mayo de 2008

AROUSA, COARENTA MAIOS DESPOIS:Chega o maio fancés á Arousa



No ano 1970 cando cheguei a París aínda se podían ver os efectos dos enfrontamentos de Maio do 68: algunhas rúas desdentadas de adoquíns, ferruxe das queimas e pintadas nos muros( Il est interdit d’interdire). Pouca cousa para o que aquel movimento revolucionario ía significar na vida social e no desenvolvemento das libertades en todo o mundo.
Cohn-Bendit


¿Que foi o maio francés?
Resumindo diríase que foi un movimento comenzado por os estudantes da universidade de Nanterre que reivindicaban unha maior calidade do ensino e participación dos alumnos nos claustros así como certas normas sexistas que non permitían os alumnos entrar nas residencias femininas. Pronto se uniron outras universidades. O lume foi prendendo pouco a pouco, pois fóronse engadindo ás primeiras demandas outras novas de carácter mais político, como a guerra do Viet-nam ( os franceses estaban moi doidos pola actuación yanqui na ex-colonia), a repulsa contra unha sitaución social hipócrita, de aparente libertade que sometía ó traballador a unha explotación diferente, que disvirtúaba o poder dos sindicatos (en mínimos de afiliación en aquelas datas).


No decorrer dos acontecementos o goberno do Xeneral De Gaulle toma duras medidad contra os manifestantes, que fan reaxir a gran parte da opinión pública francesa, que entende e apoia as súas propostas. As doses excesivas traen consecuencias negativas. Velaí que ós estudantes se unan seguidamente os traballadores das principais empresas do país: Renault, Citroën, Peugeot. En Nantes os traballadores ocuparon e xestionaron Sud-Aviation. Unha folga xeral paralizou Francia.

A sociedade francesa estaba preparada para asumir as mudanzas que dirixentes estudiantiles como “Dani o Vermello” (Daniel Cohn-Bendit) ou profesores,artistas, filósofos (como Marcuse, Sartre, Foucault...) arguían.

Anque o maio francés foi un movimento contracultural e de esquerdas, temos que dicir que non foi capitalizado polo partido comunista, pois algunhas das reivindicacións non eran moi queridas polos vellos partidos comunistas na liña ideolóxica da URSS: Prohibido prohibir, fai o amor e non a guerra.... Todo esto unido a unha estética derivada dos movimentos beatniks e hippies que nos anos sesenta preconizaban o amor libre, a música rock, libertade sexual, filosofías orientais, pacifismo itinerante, permisividade coas drogas, desaliñamento no vestir, etc.

Partido Comunista Francés non foi quen de encamiñar unha revolución coa que non contaba e antes que se lles fose das mans acabaron colaborando co goberno do primeiro ministro Pompidou, considerando que o anuncio do adianto das eleccións prometido por o presidente De Gaulle para Xuño sería rentabilizado por a “única esquerda real”.



A Historia dinos o desencamiñados que andaban, pois descabezado o movimento dos estudantes e traballadores, sen líderes que os orientase e sen un programa, as eleccións de xuño de 1968, supuxeron unha gran victoria da dereita e a aparición en Europa de novos partidos comunistas de corte máis democrático como o italiano ou o español (eurocomunismo) ou máis radicais de orientación troskista ou maoísta. Mayo do 68 foi o principio do fin do poderoso PCF.


Moitos intelectuais e artistas foron seducidos polo Maio Francés, que elaboraron frases e carteis de interés artístico e de gran repercusión social.














O Maio Francés non se pode definir fácilmente, mais eu vou a atreverme con dúas palabras afins e contradictorias: Anarquismo liberal.


Filósofo existencialista-humanista Jean Paul Sartre, fundador do xornal "LIBERATION"




¿Cando chegou o maio do 68 a Arousa?




En Maio do 68, España, era unha illa nun continente que se rexía por uns principios de participación cidadán e, Galicia, era a parte mais afastada de Europa. Mais só xeográficamente, pois as ideas (algunhas) do Maio fóronse introducindo amodiño, constatándose nunha nova maneira de pensar, nunha relativización dos dogmas do nacional-catolicismo e das autocensuras sociais.
Anque os postulados do Maio eran moitos e ás veces controvertidos, foron calando na sociedade, chamada occidental, máis rápida e profundamente nuns lugares que noutros.

En Galicia : profesores universitarios demócratas, alumnos, e traballadores emigrantes en Europa foron os que abriron as portas ás novas ideas.


Na universidade comenzaban a graduarse fillos de emigrantes, de traballadores cualificados, da pequena burguesía máis liberal, e incluso do propio establisment, nos que callaron as novas ideas.


A principios dos setenta comenzan a chegar ós pobos da Arousa médicos, profesores, mestres, abogados, retornan emigrantes, etc. con novas formas de entender as relacións sociais.


En torno a estes profesionais vanse articulando os movimentos reivindicativos de participación cidadán: Asociacións de veciños, de pais de alumnos, de defensa de..., sindicatos, plataformas, comisións, asembleas e coménzanse a organizar clandestinamente os partidos políticos democráticos, etc.

Coa democracia todos estes activistas ocuparon cargos de responsabilidade política.



A primeira loita veciñal contra as arbitrariedades do sistema vaise levar a cabo na parroquia de Bamio (Vilagarcia) a finais dos sesenta. Unha trintena de veciños son ameazados de embargo por negarse a redimir un foro que afectaba as súas terras. Os foros eran un trabuco feudal que os campesiños pagaban ós señores con parte da colleita ou con unha cantidade de frutos ou animais. Os foros xa foran amortizados no século XIX e os últimos durante a dictadura de Primo de Rivera. Acolléndose a unha disposición franquista que recoñecía os dereitos forais non amortizados, os propietarios de un "dereito foral" sobre unhas terras coñecidas como Ollo Verde, reclamaban os afectados uns tres millóns de pesetas da época. A loita estaba dirixida por Sito Vázquez,( neto de un dos implicados) e por Willy Meyer (organizador do partido comunista na comarca).

Esta loita foral rematou no ano 74 con unha moratoria, sendo presidente da Asociación de Veciños de Bamio un xovenciño, Xan Vázquez, que coa colaboración de outro xoven comunista GonzaloBouza-Brey (andaban nos 20 anos) e coa complicidade activa de algúns medios de comunicación conseguiron un aprazamento definitivo do problema.
Xan Vazquez na mesa de idade para a composición do primeiro concello democrático en Vialgarcía


Xan Vázquez e Gonzalo Bouza-Brey van ser os dous concelleiros máis xoves da primeira corporación democrática do concello de Vilagarcía de Arousa, formando parte do goberno municipal,en calidade de tenentes de alcalde(Xan, tamén era portavoz municipal).

A partir de 1970 chegan as primeirass fornadas de titulados universitarios á comarca e este feito vaise facer notar de seguida. De forma máis ou menos clandestina (dirixidos por universitarios ou traballadores procedentes da emigración ou traballadores politizados) vaise artellando a sociedade na defensa dos seus intereses:
Asociacións de veciños, asociacións culturais, asociacións de pais de alunos, asociacións pola defensa da ría, asociacións para a recuperación dos montes en mancomún, asociacións para reivindicar a democracia, agrupacións sindicais.


Todos estes colectivos van e levar a cabo diversas loitas reivindicativas e novas formas organizativas de cara a consecución dos fins que se marcaban.
A incidencia non é a mesma en todos os pobos da comarca, pero do que non cabe dúbida é de que as novas formas de vida, tanto de participación cidadán, como modas na vestimenta e na música, na maneira de comunicarse e de falar, propáganse coma unha mancha de aceite por todo o noso contorno.

Composición do primeiro concello democrático en Vilagarcia de Arousa, no centro o Alcalde , o socialista Jose Recuna.


Algunhas de estas organizacións nacidas na Arousa e no Salnés, van ter un gran suceso, como é o caso de Comisións Mariñeiras (CC MM), fundada na Illa de Arousa por mariñeiros organizados por Manuel Pillado (Pai de Rafael Pillado), Tito Ucha, Mª Carmen Rial, Gonzalo Bouza Brey e Sito Vázquez. Comisións Mariñeiras desenvolve unha gran actividade en todas as rías, incidindo en vellas demandas e facendo novas propostas. Destacando a loita contra o furtivismo, o respecto as vedas e a dignificaación da profesión. Comisións Mariñeiras fixo un gran traballo na modernización e democratización do sector. Este sindicato aínda é hoxe maioritario na marina mercante.

Tamén tivo unha gran importancia a Agrupación Democrática de Arousa. A.D.A., foi unha plataforma clandestina que se encargou de artellar a loita política contra a dictadura. Como era unha organización de máis de vinte persoas (era ilegal reunirse máis de cinco) as reunións (asembleas) celebrábanse nos lugares máis insospeitados: maioritariamente os domingos pola mañán nas ladeiras do Monte Lobeira, nun “churrasco, ou na casa de algún membro que dispoñía de un espacio discreto.

Monte Lobeira. moitas das reunións da Asemblea Democrática de Arousa, fixéronse o abrigo destas rochas o pé do miradoiro


A.D.A. estaba formada principalmente por membros do partido comunista de Galicia (Jesús Culebras, Gonzalo Bouza-Brey, Willy Meyer, Moncho Patiño,Alvarez Prol, Andrés Vilas, Rosa , Carmen Iglesias, Sito Vázquez...), pero tamén había representantes do partido Socialista de Tierno Galván PSP (Benito García Dorgambide), do Partido Socialista Galego (Juan Antonio Pillado), do sindicato de Comisións Obreiras (varios dos mentados dirixenntes comunistas) e do PSOE (Pepe Vázquez Fouz).


Todos eles, coa chegada da democracia van asumir a responsabilidade de consolidar os partidos políticos da esquerda que nas primeiras eleccións xerais consiguen un moi bo resultado e nas municipais fanse coa maioría dos concellos da camarca.



Dos chamados políticos da transición en Arousa só estaban fóra desta plataforma, Seso Giráldez (PSOE), que se encontraba destinado no Sahara Occidental Español e Joaquín Álvarez Corbacho(PCE), que formaba parte do influínte grupo de economistas revolucionarios da Universidade de Santiago (Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño, Ceferino Díaz, Abel Caballero...).
En esta relación de xente que hipotecou o seu futuro profesional coa loita por a democracia, non podemos deixar de mentar a Tino Méndez (moi próximo a xente de A.D.A), que coa súa chegada a Delegación do ISM en Vilagarcía, fixo unha aposta decidida por achegar ós mariñeiros un xeito de cultura popular comprometida coa democracia.
Coa legalización do partido comunista (que significou o fin da dictadura) A.D.A. Disólvese, pero membros do movemento comunista(extrema esquerda) fican coas siglas, invertindo a derradeira letra.

Por estas datas tamén aparece o Movimento de Mestres de Pontevedra. Única asociación de carácter asembleario nacida na dictadura, que vai deixar a súa pegada no campo da educación. Entre os seus dirixentes comarcais estaban entre outros Emilio Barreiro, Juan Antonio Pillado, Sito Vázquez,...












martes, 22 de abril de 2008

PRANTAS INVASORAS




Pola Semana Santa fun dar un paseo por as praias do poente da Illa de Arousa e encontrei as praias invadidas por unha caste de pranta moi vivaz que chega a ocupar territorios onde se daban só silveiras.


(A silveira é probablemente a caste mais estoica e invasora das nosas autóctonas.)


A pranta que as botaba para fora do seu medio era unha pranta carnosa, de orixe sudafricano adaptada os climas suptropical e mediterráneo, chamada carpobrotus acinaciforme, máis coñecida como "dente de dragón"


Aproveitando o paseo tireille unhas fotografías e propúxenme profundizar neste blog sobre as plantas invasoras no noso entorno, pois dun xeito ou de outro hai moitas castes forasteriras, que hoxe teñen carta de identidade tales como o piñeiro, a camelia, o magnolio, o eucaliptus, a mimosa e a súa parenta a acacia autraliana, etc. e numerosas árbores frutais e incluo pequenas herbas como as espinacas e as caléndulas das praias, que se extenden por medios salinos e areosos.



No moi documentado blog na Illa (illadearousa.blogspot.com) aparece un traballo e unhas imaxes da penetración desta especie nas praias de Camaxe e Con Serrado e un comentario moi axeitado sobre o perigo que representa.


A finalidade deste blog non é dar receitas (anque algunhas danse, mais como opinións personais). A finalidade é facer unha refrexión sobre feitos que, anque poidan parecer cativos, son susceptibeis de presentar unha repercusión cara ó futuro: positiva ou negativa dependendo de como se xestionen.


Hai sobre uns trinta e tantos anos que o carpobrotus comenzou a establecer as primeiras colonias. Foi pola zona de A Lanzada e San Vicente do Mar tardando aínda uns anos en afincarse na Illa de Arousa, concretamente na zona de Carreirón.


Por tratarse de unha zona húmida protexida considerei que tanto a Xunta de Montes como a Asociación Ecoloxista Gaia, deberían estar informados sobre o perigo que representaba a invasora para as especies autóctonas. De feito hai uns anos que se fixo unha limpeza en Carreirón deixando o parque practicamente descolonizado (anque penso que lamentablemente será por pouco tempo).


As prantas procedentes de Australia, posiblemente debido as precarias condicións nas que crecen, desenvolven unha gran capacidade invasora en medios menos hostís: acacia australiana, mimosa, eucaliptus, máis salvando o caso do eucaliptus, que foi masivamente prantado nos nosos montes, as outras castes non deixan de ser máis que sincelas referencias exóticas na nosa paisaxe.


A miña intuición dime que as prantas máis dotadas para sobrevivir en un medio son as autóctonas, pois son a resposta vexetal as variantes que condicionan o clima e o territorio. Cando unha pranta autóctona se ve ameazada de desaparecer é que algunha de esas variantes ten mudado.


Todos os días estamos a falar (e a sofrer) das mudanzas climáticas. Partindo desta certeza temos que asumir que algunha prantas que nos son moi queridas desaparecerán do noso entorno. Provablemente moitas emigrarán na procura de condicións semellantes ás que tiñan.


Partindo desta mesma certeza tamén debemos entender que outras castes ocuparán o vacío ou contribuirán a desprazar as existentes.

Hai que esperar ata ver o que repesenta verdadeiramente unha ameaza
Non se lle poden por portas ó mar. Mais podemos aproveitar o devalar.



lunes, 17 de marzo de 2008

AROUSA DIA A DIA

Algún amigo non encontra o blog "Arousa día a día", no que vou anotando curiosidades, comentarios, vivencias, estudios, etc. sen nengún método: a "achar" como dicimos na Arousa.
A dirección é a seguinte http://sito-vazquez.blogspot.com/ . Espero que encontredes algo de interese

miércoles, 12 de marzo de 2008

ELECCIÓNS NO CONTORNO AROUSÁN



O domingo día 9 de Marzo celebráronse eleccións xerais que deron a victoria o Partido Socialista. Os resultados na comarca foron significativamente diferentes nos distintos concellos.
Os problemas dos cidadans eran os mesmos, as solucións apuntadas por cada partido político eran idénticas para toda a bisbarra. ¿Como é posibel, pois, que en Vilagarcía se votase diferente de Cambados, no Grove de Sanxenxo ou na Arousa de Vilanova?.
Por máis voltas que lle dei a manivela non fun capaz de encontrar unha razón que explicase esas diferencias.
Ben é certo que tamén se deron grandes diferencias entre autonomías e incluso entre provincias da mesma autonomía, mais nestes casos as propostas podían supoñer un pretendido prexuicio ou beneficio para determinados territorios (caso dos demagóxicos trasvases).
Cando non hai razóns que expliquen un feito temos que recurrir ás emocións, os sentimentos, a sensibilidade.
É certo que toda a lexislatura foi unha ríada de mentiras, insinuacións e sospeitas, que acabou anegando todo razonamento frío e cabal e fixo aboiar nos máis primarios sentimentos de medo e de odio.
O cambio climático anunciado xa afectou a política española. Algúns políticos que negan os efectos reais do cambio ou os poñen en dúbida (lémbrense do primo), pretenderon trevoada vai, trevoada ven, estourar o sistema político español atacando a credibilidade das institucións.

martes, 19 de febrero de 2008

O MEXILÓN: OS RISCOS DOS MONOCULTIVOS



Un barco mexiloeiro e unha batea, nun serán, na Ría de Arousa

O cultivo ou cría do mexilón é básicamente o sustento económico de unha gran maioría dos mariñeiros das Rías Baixas. A actividade económica que se xera o seu arredor de xeito directo ou indirecto é a máis importante da comarca.

Nas rías cultívanse cada ano arredor de 250.000 Tm. de este molusco das aproximadamente 300.000 que se producen en España (que como país é a segunda productora mundial, detrás da China), este dato dinos que as rías acollen a maior concentración de este cultivo .

En un espacio tan reducido como a ría de Arousa hai unhas 2300 bateas das arredor de 3.400 que se concentran nas rías. Esto indícanos que a situación nas rías é moi especialmente na de Arousa é técnicamente de monocultivo.

Unha vista da Ría de Arousa



Un monocultivo é sempre un perigo, tanto para o cultivo indicado, como para outras especies que ven alterado o seu ecosistema, chegando a desaparecer cando menos de ese entorno.

É un perigo para o monocultivo por a facilidade coa que se poden propagar as doenzas que poidan atacar a caste sobrecultivada e mesmo poden acabar coa súa propia subsistencia, víctima das súas deposicións ou por excesivo consumo de nutrientes básicos que non se renovan a mesma velocidade que son consumidos.


Nas rías xa desapareceron ou están en perigo especies tradicionais como o bocareu, o xurel, a robaliza, a pescada, o rodaballo, a agulla, a cabaliño de mar, o burás...así ata cerca de trinta especies.

Hai estudiosos do tema que sosteñen que o mexilón non prexudica e que mantén a limpeza das augas das rías, debido a cantidade de líquido que filtran (uns 70 millóns de litros/día por batea).

Quen moito come, moito caga, esto significa que unha gran cantidade de detritus se depositan debaixo do fondeadeiro de cada batea cobrindo fondos areosos ou rochosos que eran refuxio de castes de peixes e mariscos que fuxiron ou morreron asfixiados.
Por outra banda esa limpeza das augas da ría que tanto fai fincapé o investigador Uxío Labarta, contribuie a unha menor cantidade de placton en deterioro do alimento de outras especias.

Non quero por en cuestión a sostenibilidade do medio, mais quero alertar sobre os riscos que poden derivarse, se non se toman medidas, baseadas en estudios empíricos elaborados en laboratorios que reproduzan a escada o medio no que se desenvolven.

As Universidades Galegas deberían dispor de unha catedra do mexilón, onde se teñan en conta todas estas cuestións e tamén se investiguen novas formas de producción, comercialización e consumo.

O CSIC, aínda que conta con grandes profesionais que levan feito un gran traballo de investigación, considero que non é suficiente para dar satisfacción a tantas incógnitas que se plantexan, hoxe, tanto a escala medioambiental como económica.


Por iso compre que desde as agrupacións de productores se tome conciencia de que a Universidade ten que ser sensibel os requerimento que tanto a nivel económico como ambiental representa o reto de formar ós profesionais que mañán serán os que teñan nas mans a dificil tarefa de manter o equilibrio que permita a pervivencia deste importantísimo recurso en paz co medio.

Miles de postos de traballo están esperando ós fillos dos bateeiros máis capacitados, en áreas como son a investigación, o marketing, a elaboración ( Conserva, semiconserva, precociñado, restauración culinaria, etc.), comercialización, imaxe, distribución, conservación en frío, e todas aquelas fórmulas que os futuros estudiosos poidan aportar.



É unha pena que tantos fillos de mariñeiros con destacadas capacidades se lancen a estudar carreiras as veces tan esquisitas que nen os país as saben nomear e non se concentre esa forza intelectual en impulsar o futuro de un recurso do que estamos a cabeza do mundo en canto a producción!


Para rematar unha pregunta ¿por que razón o mexilón non se "saca" cando está en sazón, e dicir, no seu mellor momento de rendimento alimenticio e sanitario?


Esto conlevaría unha maior producción, pois o mexilón non tería que estar no mar máis tempo do preciso, exposto a temporais, á perda de "comida" cíclicas e ás epidemias, mentras se podería estar engordando unha nova colleita.


Eu apunto unha solución: A creación de unha gran planta de refrixerado acorde coas necesidades do sector e coas esixencias técnicas que precise a mellor conservación e comercialización do producto

sábado, 2 de febrero de 2008

O COMPLEXO INTERMAREAL E OUTROS HUMEDAIS

Lagoa de Carreirón
Hoxe celébrase o día Mundial dos humedais. É sabido que cando se fai unha celebración de estas é que algo marcha mal. Os humedais están correndo un grave risco de desaparición: primeiro drenáronse para aproveitamento agrícola e agora para aproveitamento urbanístico ou industrial.

Mais non está por demáis recoñecer, que anque os humedais son necesarios para o equilibrio biolóxico do seu contorno, que tamén son causa de molestias para os habitantes das súas proximidades: moscas, mosquitos, e outros insectos incordiantes, cheiros, lameiras, etc.
Velaí que haxa xente que vexa a eliminación de estas zonas, como unha especie de saneamento do lugar.

Cando se trataba de eliminar un humedal, non se dicía claramente. Utilizábase o eufemismo "sanear a lameira".

Partimos da crenza popular de que os humedais son natureza doente: insectos, algas en descomposición, augas arreloadas...

Polo contrario os humedais son a orixe da vida mesma, concretamente da vida terrestre. De eles saíron as primeiras prantas, que acabarían cubrindo a superficie da terra e os primeiros animais anfibios que logo evoluíron, dando lugar a todas as especies que poboaron a superficie terrestre.

A protección e coidado, hoxe, está garantida por lei, mais a realidade demóstranos que as leis sobre a protección da natureza, son tan sensibles como a propia natureza.
En moitas ocasións as propias medidas que se toman para protexer, son máis perxidiciais que beneficiosas. Estoume a referir a sendeiros, e outras actuacións que atraen unha maior carga humana, que altera o ritmo de vida das ave e de outros animais.

Todos os humedais desempeñan un papel primordial no equilibrio e na esencia de ecosistemas moi importantes, mais hoxe queríame referir os humedais das rías, que ademáis de ter a mesma relevancia que os demáis son o criadeiro de multitude de castes de seres vivos que desovan nas augas arreloadas da lameira e logo convertiránse nos pequenos peixes, moluscos e mariscos que dan riqueza a ría.

Cando se "sanea unha lameira" estase destruíndo un niño de riqueza.

Tendo en conta únicamente como repercute a súa eliminación ou descoido na economía dos mariñeiros e indirectamente na dos demáis poboadores da ría (das rías) penso que sería interesante, tamén, abrir un debate sobre a situación de cada un destes humedais, que considero están seriamente ameazados.

viernes, 1 de febrero de 2008

O TURISMO NA RÍA - As autoridades en Fitur.




A última semana de xaneiro atrae coma un imán as autoridades locais da Ría de Arousa cara a Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra cada ano por estas datas en Madrid.
Anque a ría conforma unha entidade única, os representantes dunha banda van por o norte os da outra van por o sur e entre os concellos de cada banda uns van por leste e outros polo oeste.
É o minifundismo levado o campo do turismo.

O turismo constituie un fenómeno sociolóxico de singular importancia para economía de moitos países. As Rías Baixas, e moi especialmente a ría de Arousa, teñen un potencial turístico alternativo e suxerente que debera atraer a un tipo de turismo selecto en razón de unha oferta que tamén ha de ser acorde co que este turismo demanda.

As Rías conforman un recurso natural esencial na economía dos seus ribeireños:
Viticultura e horticultura en terra e pesca, marisqueo e cultivos no mar, son a base desta economía (non o esquezamos).

O desenvolvemento turístico non pode interferir nen por en risco esta riqueza. Non se pode facer unha política turística nunha localidade que poña en perigo a economía de toda a comarca. Por iso hai que definir que tipo de turismo interesa e a partir de esa hipótese diseñar a oferta que poida atraer ó tipo de turismo que nos convén.

O que estou espoñendo parece sincelo, mais non o é tanto, pois xa existen vilas que apostaron duro por un turismo de masas, que de consolidarse en todo o contorno acabaría con tódolos demáis recursos (incluído o propio turismo, carente xa de atractivos). Hai, pois, uns intereses creados que interfiren a hora de tomar decisións compartidas.

A Mancomunidade de Municipios do Salnés, que agrupa os municipios da marxe esquerda da ría de Arousa ten, ou debería ter, intereses encontrados, pois hai Concellos, como Sanxenxso, con un turismo consolidado e definido e outros que se encontran en proceso de definición, como é o caso do Concello da Illa de Arousa, que considero que non debe apostar por ese tipo de turismo.



A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, que xungue os concellos do Barbanza, tamén ten distintas propostas, mais os intereses non esán tan encontrados coma na banda do sur.



Ambalasdúas mancomunidades están a facer un esforzo mediático (feiras, festas, degustacións, páxinas web, etc.) co fin de divulgar as excelencias paisaxísticas, gastronómicas e climatolóxicas que nos enfeitan.



Esta promoción debería facerse conxuntamente aforrando recursos económicos que ben se poideran aplicar a unhas infraestructuras das que carecemos e que axudarían a atraer un tipo de turismo de un maior poder adquisitivo, que podía deixar os mesmos ou máis beneficios, sen comprometer seriamente a sostenibilidade.



Non se trata de elitismo turístico, trátase de sostenibilidade, de protección do medio, que non resiste un turismo masificado.



(Mañan día dous de febreiro celébrase o día internacional dos humedais, é un bo día para facer unha reflexión sobre os humedais das rías, todos eles en maior ou menor medida, agredidos por o fenómeno turístico)



A Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais da Coruña e Pontevedra, as Mancumunidades e os Concellos, unha vez aceitado este feito deberían unir esforzos para intentar atraer ó tipo de turismo que precisamos.



Pazos, adegas, mosteiros, retorais, casas señoriais, faros, casas mariñeiras con recursos para poder pescar con un guía, casas rurais onde o turista poida participar nas tarefas do campo, etc.

Todos estes recursos poden ser activados de forma privada ou coxestionados coas distintas administracións.

jueves, 31 de enero de 2008

Álvaro Siza Vieira e o polideportivo do Vao

No outono o arquitecto Manel Somoza ofreceume un libro da súa autoría titulado:" Álvaro Siza, conversas no obradoiro", nestas conversas recolle multíples reflexións sobre a arquitectura (funcionalidade, estética, repercusión social, e outras moitas e moi interesantes disquisicións).


Álvaro Siza é un arquitecto Portugués nacido en Matosiños , que como profesional está considerado coma o poeta da arquitectura.

Acadou os máis altos galardóns da arquitectura universal:

Premio de Arquitectura contemporánea Mies van der Rohe (1988)

Premio Pritzker (1992)

Premio da Fundación Wolf das Artes (2001)






Estes son os mais importantes premios da Arquitectura actual.


As súas obras máis representativas convertíronse en santuarios ós que peregrinan novos arquitectos e xente interesada pola arquitectura.

A obra de Siza exténdese por todo o mundo, anque as súas intervencións máis sonadas ubícanse en Europa (Berlín, Oporto, Barcelona,Santiago de Compostela, Alicante, A Faia-Holanda-, Venecia, Madrid, Lisboa...).


Tamén é profesor visitante de varias universidades entre as que se encontran as de Lausana, Pensilvania, Bogotá, Harvard.


Estamos, pois diante de un dos arquitectos de maior recoñecemento a nivel mundial.


Na solapa da portada do mentado libro do meu paisano e inusitadamente amigo, Manel Somoza, leva un inconfundible diseño do arquitecto portugués, no que ó pé se lé "Debuxo de Alvaro Siza para o complexo espotivo da Illa de Arousa, Pontevedra, 1988".


Cando Siza, sendo o arquitecto mellor valorado polos arquitectos contemporáneos ainda non recibira nengún dos premios máis importantes que logo recibiría, o Concello de Vilanova de Arousa fíxolle o encargo de realizar unha intervención na área do Vao.


Era unha intervención delicada, tratándose de un espacio tan sensible, e o mesmo tempo (acabábase de inugurar a ponte) era a porta da Arousa.


Esta foi a razón pola que o alcalde, despois de asesorarse entrou en contacto e finalmente convenceu ó arquitecto de Matosiños para que realizase un proxecto de un polideportivo no Vao






Anque estaba pragado de traballo non se resistiu a facer algo en aquel entorno delicado, pois significaba un reto para a súa idea de integración da arquitectura na paisaxe, sumando e nunca restando.
Alvaro Siza nunha batea de mexilóns, na Illa de Arousa



Encontrándome hai uns anos en Toquio, ollando os debuxos dunha revista (era o que podía facer, pois non sei xaponés) que lía un xaponés sentado nunha cadeira do tren "Bala" , deume un golpe o corazón cando a toda páxina vexo uns diseños que me son familiares. Fixo a miña atención e leo debaixo deles en signos latinos a palabra Illa de Arousa perdida entre centos de caracteres chineses. Non puden conterme e saieume sen querer aunha exclamación:
"¡Ahí vivo eu!".



Eran os mesmos deseños que aparecen na solapa do libro.


Centro Galego de Arte Contemporáneo
Quen coñeza a Illa de Arousa sabe que esa obra non se realizóu e probablemente non se vai realizar nunca, perdendo para sempre a oportunidade de contar con complexo asinado por un dos máis importantes Arquitectos do século.
Maqueta polideportivo Vao (ILLA DE AROUSA)




Como curiosidade quero dicir que este proxecto foi o primeiro que realizou Siza en España, anterior o Centro Galego de Arte Contemporáneo, e a Villa Olímpica de Barcelona.



Alvaro Siza co Autor do libro, Manel Somoza, e co Alcalde de Vilanova de Arousa no ano 1988